Os Trazantes de Tenorio comezaron o pasado 28 de maio a súa tempada de concursos asistindo á fase eliminatoria do concurso de Xacarandaina e máis ao convocado polo grupo Malveiras en Vilagarcía de Arousa.
Os Trazantes fixeron o seu longo periplo acompañados dunha douradísima figura da Virxe do Carme que había de acompañar aos bailaríns na súa interpretación das Danzas de Riofrío. Mais a figura sufriu un aparatoso accidente uns intres antes de subir ao escenario Coruñés co cal o mal augurio estaba asegurado. Menos mal que o grupo de bailaríns alevíns mantivo o sangue frío e fixo unha fermosa e graciosa interpretación dunha muiñeira lucense acompañándose coas castañolas.
Pero o accidente de Carmiña tiña que pasar factura, e Os Trazantes sabíano, polo que non houbo sorpresas ao coñecer os resultados dos premios concursos. Para os que estean interesados pola saúde da santa, informamos de que, en breve, será trasladada ao taller de Fermín para a reintegración das partes danadas no accidente.