Arquivos da categorría: Artigos

Cantar de Reises de Cotobade

O noso grupo de Cantareiras e Pandereteiras participaron, como veñen facendo nos últimos anos, no Certame de Cantares de Reises do Concello de Cotobade. Este ano gravouse un DVD coas pezas musicais e cantadas dos  participantes dos distintos lugares  do Concello, como Valongo, Caroi, Almofrey, San Xurxo….  O DVD contén pezas gravadas en direto e outras gravadas nos ensaios. Foi moi divertido!!!

ADSL EN COTOBADE ¡XA!

Se vos interesa asinar, contactade con Sonsoles no 649 87 05 85. Graciñas.

ADSL en Cotobade ¡XA!Don Manoel Loureiro Adán
Alcalde do Concello de Cotobade
Chan, 11
Carballedo

 

Tenorio, 30 de novembro de 2006.

Prezado Sr. Alcalde:

Dirixímonos a vostede para poñerlle de manifesto que ben entrado o século XXI e en plena era da información e da comunicación o noso concello segue sen contar coas infraestructuras necesarias para o correcto uso dalgunhas tecnoloxías da información e da comunicación máis extendidas na actualidade.

De todos é ben sabido que Internet, hoxe por hoxe, constitúe unha ferramenta fundamental de traballo e comunicación, nembargantes, os veciños de Cotobade seguimos sen ter a posibilidade de contratar liñas de alta velocidade como si o poden facer os habitantes de concellos limítrofes como Pontevedra ou Cerdedo.

O obxecto desta carta non é outro que manifestar o descontento de moitos colectivos, empresas e particulares por este feito, para o cal asinan esta carta, coa esperanza de que o Concello poda intermediar coas compañías adicadas a prestar estes servizos.

Agardando poder contar en breve cunha liña ADSL en Cotobade, asinan esta carta:

Se vos interesa asinar, contactade con Sonsoles no 649 87 05 85. Graciñas.

Nova Xunta Directiva da A.C Os Trazantes de Tenorio

O pasado xoves 14 de setembro tivo lugar o relevo dos membros da Xunta Directiva da asociación. A actual xunta está composta por:

Nuria González (Presidenta)

María Pichel (Vicepresidenta)

Belén Suárez (Tesoureira)

Ana Casal (Secretaria)

Esther Fentanes (Voceira)

Sonsoles Martínez (Voceira)

Despois da magnífica xestión realizada pola xunta anterior a nova directiva agarda ilusionada continuar traballando pola continuidade e mellora da asociación. Tamén quere agradecerlle aos pais e aos membros da asociación a colaboración prestada durante o pasado curso.

Tenorio arde – literalmente

Tenorio arde, e non de calor de festa senón polos incendios forestais.

Todo o concello de Cotobade está en alerta máxima, e Tenorio está sitiado, pouco menos co Líbano, sen esaxerar.

É moi perigoso, e moi triste tamén. Todos deberiamos concienciarnos e coida-lo monte.

E os que montan este tipo de cousas, que saiban que son uns asasinos: de plantas, animais e persoas.

Ánimo Tenorio.

Contactar no verán

Durante o verán, o método máis doado para contactar connosco (especialmente para actuacións) é o teléfono 619 13 04 68 (Anxo).

Carmiña non intercedeu. Comezada e rematada a tempada de concursos para Os Trazantes de Tenorio

Os Trazantes de Tenorio comezaron o pasado 28 de maio a súa tempada de concursos asistindo á fase eliminatoria do concurso de Xacarandaina e máis ao convocado polo grupo Malveiras en Vilagarcía de Arousa.

Os Trazantes fixeron o seu longo periplo acompañados dunha douradísima figura da Virxe do Carme que había de acompañar aos bailaríns na súa interpretación das Danzas de Riofrío. Mais a figura sufriu un aparatoso accidente uns intres antes de subir ao escenario Coruñés co cal o mal augurio estaba asegurado. Menos mal que o grupo de bailaríns alevíns mantivo o sangue frío e fixo unha fermosa e graciosa interpretación dunha muiñeira lucense acompañándose coas castañolas.

Pero o accidente de Carmiña tiña que pasar factura, e Os Trazantes sabíano, polo que non houbo sorpresas ao coñecer os resultados dos premios concursos. Para os que estean interesados pola saúde da santa, informamos de que, en breve, será trasladada ao taller de Fermín para a reintegración das partes danadas no accidente.

Máis de 20 anos traballando, ¿para que?

A escola de gaitas da Deputación de Pontevedra xa está funcionando nas súas diversas sedes distribuidas pola provincia de Pontevedra cun presuposto para este ano de 90.000 euros.

Mentres tanto, moitas asociacións que levan décadas traballando a prol da música galega, como é o caso de Os Trazantes de Tenorio, están a desenvolver as súas actividades con presupostos irrisorios.

Os Trazantes, con máis de 20 anos de andaina, aínda non contan cun lugar axeitado para gardar o material do grupo e, moito menos, para desenvolver as súas actividades (clases, ensaios, xuntanzas, etc) dun xeito normalizado.

É unha mágoa e unha vergoña que algunhas institucións valoren tan pouco o traballo de tantas asociacións, que como Os Trazantes, poñen moita ilusión no que fan.