En Tenorio, no val do Lérez, zona de Cotobade, “trazantes” son as persoas con habilidade e enxeño para acometer os máis variados traballos.
O grupo de música e de baile tradicional Os Trazantes de Tenorio naceu na primavera de 1984 para animar as festas e romarías, para fomentar o interese pola nosa música e dar vida, de novo, a antigos bailes e cantigas.
Teñen participado en diversas xuntanzas e concursos: Pontevedra, Cedeira, Santiago, Padrón, Vigo… E actuaron con éxito na TVG en diversos programas, o cal viuse reflectido nunha nominación no apartado de mellor grupo tradicional aos Premios da Asociación da Prensa Galega na súa primeira edición, correspondente a temporada 97/98. Os seus éxitos televisivos continuáronse no premio que a parella do grupo, formada por Susana e Anxo, conseguiu no concurso de parellas de baile tradicional organizado polo programa “Luar” no ano 2004.
En 1996 acadaron o 1º premio no “XVI Encontro de Grupos Tradicionais” celebrado no Teatro Colón de A Coruña, coa “Muiñeira de Forcarei”. No verán de 1998, a sección máis xove do grupo acadou un 3º premio en Cerdido coa “Muñeira de Leira”. Na tempada de 2012 a escola conseguiu o 3º Premio no concurso de Tequexetéldere. No 2018 o grupo dos maiores obtivo o 1º premio no concurso de Negreira coa “Muiñeira de Erboedo”. No 2023 a asociación conseguiu o “Premio ao mellor vestiario” no concurso de Xacarandaina.
No verán de 2002 o grupo representou a Galicia, xunto con Milladoiro, no festival folklórico internacional de Guignamp (Bretaña). Ademáis, fixeron actividades de recollida de material etnográfico, conferencias e outras iniciativas pala fomenta-lo folclore tradicional galego na zona do val do Lérez.
Actualmente, conta cun grupo de música tradicional, grupo de pandereteiras e grupo de baile galego. Os mestres das distintas seccións son: mestre de baile, Emilio Ríos Freiría; mestre de gaita e percusión, Juan Ordóñez; colaborando como mestra de canto e pandeireta, María Vidal; e como mestre de música e movemento para os máis cativos, Pablo García.