A NOSA HISTORIA

ASOCIACIÓN CULTURAL

OS TRAZANTES DE TENORIO

 

En Tenorio, nas Terras de Montes, zona de Cotobade; á beira do río Lérez, “trazantes” son as persoas con habilidade e inxenio para acometer os máis variados traballos.

O Grupo nace na primaveira de 1984 para animar as festas e romarías, para fomentar o interese pola nosa música e dar vida, de novo,  a antigos bailes e cantigas.

Participaron en diversas xuntanzas e concursos: Pontevedra, Cedeira, Santiago, Padrón, Vigo (homenaxe ó gaiteiro 1997), Ourense, Coruña, Forcarei, Lugo, Ribadeo, … E actuaron con éxito na TVG en diversos programas coma “Especial Fin de Ano”, “Luar”, “Galicia Terra Única”, “O Son do Renacemento”, o cal viuse reflectido nunha nominación –no apartado de mellor grupo tradicional- ós Premios  da Asociación da Prensa Galega na súa primeira edición, correspondente á tempada 97/98. Os seus éxitos televisivos continúan ate o de agora coa continua presencia do grupo n programa Luar, ademais de engadir o gran éxito  da parella pertencente á asociación participante no “Concurso de Baile Tradicional Vai de Baile”, coñecida como “Xoldras de Viascón”;  a cal foi Campiona na súa primeira edición no ano 2004. Non obstante, destacar a participación en Maio de 2005 no Festival de Xirandola, en Silleda, como Grupo Convidado destacando o eido da recuperación tradicional. En Xuño dese mesmo ano realizaron un Intercambio de Culturas co Grupo de Danças e Cantares de Serreleis en Viana do Castelo, así como, a presencia do grupo na cidade portuguesa de O Porto no mes de Agosto nunha participación de Encontros de Grupos Internacionais. No mesmo mes do presente ano, a asociación foi convidada polo Concello de Allariz a participar na Festa da Empanada. Nembargantes, en setembro de 2005 os Trazantes participaron como embaixadores do folclore galego en Peñafiel-Portugal, por mor da celebración da Festa do Caldo Galego, lugar onde foron galardoados có Premio Honorífico pola Cámara de Peñafiel. Ademais, cómpre sinalar que neste mesmo mes actuaron con éxito na Festa da Filloa de Valongo, Cotobade, caracterizada pola denominación de Festa de Interese Municipal Turístico.

En 1996 acadaron o primeiro no “XVI Encontro de Grupos Tradicionais” celebrado no Teatro Colón da Coruña, coa “Foliada de Forcarei”, peza que lle deu entrada ó recoñecemento social dentro do eido tradicional galego. No verán de 1998, a sección mías xove do grupo acadou un terceiro premio en Cerdido coa “Muiñeira de Santa Xuliá”. Coa “Muiñeira de Leira”, peza de clarinete da bisbarra de Ordes, foi finalista na xuntanza de Padrón no ano 1997.

No ano 2000, foi galardoada pola Asociación Internacional do Folclore dos Pobos como mellor Grupo de Baile Tradicional Galego. No 2002, dita asociación representou a Galicia, xunto con Milladoiro, no Festival Folclórico Internacional de Gimp Gamp (Bretagne-France). Alí fomentaron a nosa cultura, cunha principal atención a nosa música e danza. Ademais, fixeron pequenas actividades como: conferencias nas que o grupo ensinou a aquelas xentes, entre outras cousas, o proceso anterior a posta en escena, as recollidas de pezas, as reconstruccións, os longos e agotadores ensaios, … Non obstante, este éxito internacional reflectiuse nun millar de propostas de saídas por diferentes países europeos e mesmo americanos nos amos vindeiros, co fin de poñer en práctica toda a labor  exercida naquela primeira experiencia. Así pois, un culme de todo esto foi a viaxe a Etaples (Francia) no ano 2002, lugar ónde foron partícipes do “Premio ó Grupo de Maior Recoñecemento Internacional” brindado pola Cámara de Haute-Normandie, concello de Camiers (Francia).

Sen embargo, o máis diferenciador deste enxebre grupo é que non esquece as súas raíces, pois, todo este saber tradicional expállanno en todo aquel acontecemento onde son convidados, así coma: festas, festivais, concursos, romarías, seráns, xuntanzas, sesións vermouth, … Característica que marca, sen dúbida, o Festival Folclórico Internacional de Cotobade que esta asociación ten a ben de organizar de xeito exitoso e cunha gran participación social dende o 2003; polo que , atribúenlle unhas das máis desexadas características por todo grupo: a facultade de saber animar e facer partícipe de xeito involuntario ó público durante a actuación desta asociación.

TEMPORADA 2006

Durante o ano 2006, esta asociación propuxo de cara a temporada estival unha novedosa e singular proposta dirixida a un espectáculo artístico sen precedentes no eido galego do baile tradicional. Tratouse, pois, dunha experiencia piloto na que conxugaron elementos varios das danzas máis emblemáticas de Galicia xunto a unha combinación de bailes típicos, xotas e muiñeiras, recollidas  e adaptadas baixo as diferentes modalidades da estructura do baile rexional galego, co obxectivo de plasmar  toda a esencia e identidade dos galegos a través deste arte.

Así pois, como inicio da tempada e representación do espectáculo a asociación xa acadou o seu primeiro galardón no lugar de Mourente, Pontevedra, por mor da celebración da XV Fesa do Caldo Galego de Mourente-Pontevedra o 12 de marzo co Diploma de Honra da Orde do Caldo Galego de Mourente. Este éxito trouxo consigo importantes actuacións posteriores. Continuando co espectáculo participouse no XVII Concurso de Xacarandaina da Coruña en Maio, ademais do Concurso de Malveiras en Vilagarcía. De seguido o éxito máis aclamado foi a consolidación do III Certame Folclórico Internacional de Cotobade no mes de Xullo que sen dúbida por terceiro ano consecutivo marcou todo un punto de inflexión dentro do folclore cotobadés. Así entre os grupos asistentes destacou a gran posta en escena desta asociación.

Xa en Agosto destacar o Intercambio Cultural que se realizou co Grupo de Cantares de Peñafiel – Portugal onde foron galardoados pola Camara de Peñafiel e a Confederación Luço-Galaica co Premio Honorífico da Concordia de Grupos Folclóricos.

O segundo domingo de mes de Agosto, tivo lugar unha nova edición da Festa do Pulpo no Carballiño, Festa declarada de Interese Turístico, na que foron convidados os Trazantes para aledar un día de festa tan importante como é a celebración deste producto na que luciron a súa mellor aposta entre os centos de persoas asistentes ó espectáculo.

Un ano de éxitos recollidos despois dunha gran aposta artística, ademais de realizar todo tipo de actuacións pola súa zona facendo partícipe un ano máis a cantos quixeron a disfrutar coa Asociación Cultural Os Trazantes de Tenorio.

            TEMPORADA 2007-2008

Neste novo tramo da nosa asociación seguimos participando activamente na recuperación e desenvolvemento da folclore tradicional galega, mostrando o rico legado dos nosos devanceiros.

Así pois, como inicio da tempada participamos na celebración da XVI Edición da Festa do Caldo de Mourente (Pontevedra) onde recibimos o Diploma de Honra da Orde Do Caldo de Mourente por segundo ano consecutivo. No mes de abril participamos novamente no programa da Tvg “Luar” con gran éxito pola posta en escea do grupo participante que arrancou numerosos aplausos. En maio participouse na recuperación da antigua Feira de Cuspedriños (Cotobade-Pontevedra) con actuacións musicais dos nosos gaiteir@s, que se inician neste novo camiño artístico, ademáis de algunha peza de baile que animaron aos presentes a botar agún bailiño.

O  primeiro fin de semana de xuño fomos ao Cristo De Xende, romería popular de caráter relixiosa-lúdica de gran tradición na zona de A Lama (Pontevedra) no que a calor non desanimou aos presentes para asisitir a nosa posta en escea.

0 12 de agosto, participamos no I Festival Folclórico De Monforte de Lemos (Lugo), no que fomos convidados xunto con outros grupos da bisbarra para aledar ós asistentes a que sigan  recuperando  o  noso  folclore. Tamén fomos ata Paderne (A Coruña) para participar no seu Festival  Folclórico. O  18  de  Agosto  tivo  lugar   o   V Certame do Festival Folclórico Internacional de Cotobade (Tenorio-Pontevedra), onde participamos activamente na súa organización dende anos atrás.

TEMPORADA 2008-2009

Na nova etapa,“Os Trazantes” continúan a súa labor folclórico-cultural, contribuíndo a dar a coñecer o Concello de Cotobade, as súas xentes e as súas costumes lúdico-festivas e culturais.

Deste xeito, a nosa labor  amplíase  comezando nos meses do inverno participando en eventos populares como en novembro o Magosto de Cuspedriños (Cotobade), o Serán de Covas de Tenorio (Cotobade) en decembro ou  en xaneiro nos Cantares de Reis en Sacos (Cotobade)

Por ista razón, participan en eventos como a  XVII Edición da Festa do Caldo de Mourente (Pontevedra), Festa do Requeixo da Corredoira (Cotobade),  na romería popular de O Cristo de Xende (A Lama), Festa das Filloas de Valongo (Cotobade).

Seguindo  a traxectoria xa iniciada en anos anteriores, participamos na Tvg en programas como” Luar”  (22 de maio) ou “Alalá”, o cal nos da a coñecer noutras comarcas da nosa comunidade.

 De ahí que, en agosto, nos foramos ao Festival de Portomarín (Lugo), no que fomos convidados xunto con outros grupos galegos  da zona, para amenizar, entre o lusco e fusco, un día moi caluroso pero con gañas de bailar e de pasalo ben para disfrute dos alí presentes. O 22 de agosto a Traspieles (Fornelos de Montes) foi tamén un día moi gratificante pola aculosa acollida que nos deron as súas xentes.

Participamos tamén na Feira do Marisco en Vigo o día 10 de setembro. Non podemos olvidar tamén as festas máis cotiás das nosas comarcas e arredores como as festas de Sacos (9 de xuño-20 de setembro), Viascón (25 de xullo-.30 de agosto), Carballedo (23 de agosto), Tenorio (8-9 de setembro) e Campolameiro (27de setembro) entre outras.

Nós tamén celebramos no noso Concello o VI Festival Internacional de Cotobade, no que viñeron grupos  de países coma México e Rumanía ou Rusia.

Neste novo ano  levaremos a cabo máis actuacións nos promovendo a nosa cultura e investigando o noso folclore ademáis de continuar con aquilo que mellor sabemos facer, aledar ao noso público …