A NOSA HISTORIA

En Tenorio, nas Terras de Montes, zona de Cotobade; á beira do río Lérez, “trazantes” son as persoas con habilidade e inxenio para acometer os máis variados traballos.

O Grupo nace na primaveira de 1984 para animar as festas e romarías, para fomentar o interese pola nosa música e dar vida, de novo,  a antigos bailes e cantigas.

Participaron en diversas xuntanzas e concursos: Pontevedra, Cedeira, Santiago, Padrón, Vigo (homenaxe ó gaiteiro 1997), Ourense, Coruña, Forcarei, Lugo, Ribadeo, … E actuaron con éxito na TVG en diversos programas coma “Especial Fin de Ano”, “Luar”, “Galicia Terra Única”, “O Son do Renacemento”, o cal viuse reflectido nunha nominación –no apartado de mellor grupo tradicional- ós Premios  da Asociación da Prensa Galega na súa primeira edición, correspondente á tempada 97/98. Os seus éxitos televisivos continúan ate o de agora coa continua presencia do grupo no programa Luar, ademais de engadir o gran éxito da parella pertencente á asociación participante no “Concurso de Baile Tradicional Vai de Baile”, coñecida como “Xoldras de Viascón”;  a cal foi Campiona na súa primeira edición no ano 2004. Non obstante, destacar a participación en Maio de 2005 no Festival de Xirandola, en Silleda, como Grupo Convidado destacando o eido da recuperación tradicional. En Xuño dese mesmo ano realizaron un Intercambio de Culturas co Grupo de Danças e Cantares de Serreleis en Viana do Castelo, así como, a presencia do grupo na cidade portuguesa de O Porto no mes de Agosto nunha participación de Encontros de Grupos Internacionais. No mesmo mes do presente ano, a asociación foi convidada polo Concello de Allariz a participar na Festa da Empanada. Nembargantes, en setembro de 2005 os Trazantes participaron como embaixadores do folclore galego en Peñafiel-Portugal, por mor da celebración da Festa do Caldo Galego, lugar onde foron galardoados có Premio Honorífico pola Cámara de Peñafiel. Ademais, cómpre sinalar que neste mesmo mes actuaron con éxito na Festa da Filloa de Valongo, Cotobade, caracterizada pola denominación de Festa de Interese Municipal Turístico.

En 1996 acadaron o primeiro premio no “XVI Encontro de Grupos Tradicionais” celebrado no Teatro Colón da Coruña, coa “Foliada de Forcarei”, peza que lle deu entrada ó recoñecemento social dentro do eido tradicional galego. No verán de 1998, a sección máis xove do grupo acadou un terceiro premio en Cerdido coa “Muiñeira de Santa Xuliá”. Coa “Muiñeira de Leira”, peza de clarinete da bisbarra de Ordes, foi finalista na xuntanza de Padrón no ano 1997.

No ano 2000, foi galardoada pola Asociación Internacional do Folclore dos Pobos como mellor Grupo de Baile Tradicional Galego. No 2002, dita asociación representou a Galicia, xunto con Milladoiro, no Festival Folclórico Internacional de Gimp Gamp (Bretagne-France). Alí fomentaron a nosa cultura, cunha principal atención a nosa música e danza. Ademais, fixeron pequenas actividades como: conferencias nas que o grupo ensinou a aquelas xentes, entre outras cousas, o proceso anterior a posta en escena, as recollidas de pezas, as reconstruccións, os longos e agotadores ensaios, … Non obstante, este éxito internacional reflectiuse nun millar de propostas de saídas por diferentes países europeos e mesmo americanos nos anos vindeiros, co fin de poñer en práctica toda a labor  exercida naquela primeira experiencia. Así pois, un culme de todo esto foi a viaxe a Etaples (Francia) no ano 2002, lugar onde foron partícipes do “Premio ó Grupo de Maior Recoñecemento Internacional” brindado pola Cámara de Haute-Normandie, concello de Camiers (Francia). No 2012, a escola acadou o 3º Premio no Concurso de Tequexetéldere, na Estrada. No ano 2018, o grupo dos maiores, conseguiu o Primeiro Premio no concurso de Negreira coa “Muiñeira de Erboedo”. No 2023 o grupo dos medianos (Xiria) acadou o premio ao mellor vestiario no concurso de Xacarandaina.

Sen embargo, o máis diferenciador deste enxebre grupo é que non esquece as súas raíces, pois, todo este saber tradicional expállanno en todo aquel acontecemento onde son convidados, así coma: festas, festivais, concursos, romarías, seráns, xuntanzas, sesións vermouth, … Característica que marca, sen dúbida, o Festival Folclórico Internacional de Cotobade que esta asociación ten a ben de organizar de xeito exitoso e cunha gran participación social dende o 2003; polo que, atribúenlle unhas das máis desexadas características por todo grupo: a facultade de saber animar e facer partícipe de xeito involuntario ó público durante a actuación desta asociación.