Neste 2019 a Agrupación cumpriu o seu XXXV Aniversario, e como non podía ser doutra forma, fixemos unha celebración por todo o alto. O 20 de Xullo coincidindo coa X Mostra, Tenorio vestiu as súas mellores galas para acompañar á asociación nesta data tan sinalada.
O acto constou dun festival folclórico onde estiveron presentes, Os Trazantes, Xacarandaina, Rancho Folclórico Ceifeiras e campinos (Lisboa) e Seixos Albos.
Despois deste festival chegou a hora dos concertos. Os encargados de animar o serán foron “As Cantigas de Elena”, que crearon un ambiente de maxia, e “Son das Tabernas”, que levantaron a todo o público para bailar as súas versións.
No recinto feiral contamos cunha rosquilleira, cun polbeiro que estivo desde a tarde ata ben entrada a noite servindo polbo, churrasco… tamén había servizo de bar a cargo da agrupación.
Só temos palabras de agradecemento por toda a xente que se achegou a festexar con nós este día tan especial, foi un pracer compartir esta xornada con todos vos. Agardamos que o desfrutarades tanto coma nós.